Asemblea Xeral (Uruguai)
A Asemblea Xeral (en castelán: Asamblea General) é a institución que exerce o poder lexislativo do Uruguai. Está integrada pola Cámara de Senadores (30 membros) e a Cámara de Representantes (99 membros) e presidida polo vicepresidente do Uruguai, que é ademais presidente da Cámara de Senadores. A sede da Asemblea Xeral está no Palacio Lexislativo, en Montevideo, a capital da República Oriental do Uruguai.
Composición
[editar | editar a fonte]Dúas cámaras compoñen a Asemblea Xeral, estas son:
- Cámara de Senadores: está presidida polo vicepresidente da República (electo xunto co Presidente, xefe do Estado) e formada por 30 senadores elixidos cada cinco anos por sufraxio universal nun distrito único para o conxunto da República, segundo o indicado no artigo 94 da Constitución.[1] Os senadores para poder presentarse deben contar con 30 anos de idade.
- Cámara de Representantes: está formada por 99 deputados escollidos tamén cada 5 anos por sufraxio universal segundo o fixado polo artigo 88 da Constitución.[1] Os representantes son electos por departamentos, o seu número varía segundo a poboación do distrito, aínda que o mínimo adxudicado é o de dous deputados por departamento. A idade mínima para ser representante son os 20 anos.
Funcións
[editar | editar a fonte]A sección V da Constitución uruguaia de 1967 establece as funcións da Asemblea Xeral no seu artigo 85 que se poden resumir en:[1]
- Formar e publicar os códigos
- Establecer os tribunais de xustiza
- Lexislar sobre a "independencia, seguridade, tranquilidade e decoro" da República, a protección dos dereitos individuais e a promoción económica.
- Fixar os impostos
- Aprobar, reprobar, total ou parcialmente, os orzamentos propostos polo Poder Executivo.
- Autorizar a emisión de débeda pública.
- Decretar a guerra, aprobar os tratados internacionais asinados polo Poder Executivo co estranxeiro.
- Designar anualmente a forza armada precisa
- Crear novos departamentos
- Decidir a política monetaria e o relativo o sistema de pesas e medidas
- Permitir a entrada de forzar armadas estranxeiras na República
- Autorizar a saída das forzas armadas uruguaias ao estranxeiro
- Crear os empregos públicos
- Conceder indultos
- Redactar os regulamentos de milicia
- Decidir o lugar onde deben residir as máis importantes autoridades do Uruguai
- Conceder monopolios
- Elixir, en sesión conxunta de ambas as dúas cámaras, os membros da Suprema Corte de Xustiza, da Corte Electoral e doutros altos tribunais do Uruguai.
- Xulgar politicamente aos Ministros de Estado.
- Interpretar a Constitución, sen menoscabo da competencia da Suprema Corte de Xustiza nesta materia.
Ademais disto, a Cámara de Senadores goza como atribución exclusiva, a posibilidade de facer un xuízo público a aquelas autoridades públicas que sexan acusadas pola Cámara de Representantes. Para poder apartalos do seu cargo deben acadar unha maioría de dous terzos.
Sede
[editar | editar a fonte]O Palaxio Lexislativo é a sede da Asemblea Xeral. Trátase dun edificio emprazado en Montevideo construído nun estilo neoclásico entre 1904 e 1925, a súa inauguración levouse a cabo na conmemoración do centenario da independencia uruguaia. Antes da súa construción, a Asemblea Xeral sesionaba no Cabido de Montevideo, un predio histórico que quedara pequeno para as funcións do poder lexislativo. A edificación está coroado por un orixinal lucernario sostido por cariátides que aporta luz ás estancias do interior.
No seu interior destacan as salas do plenario da Cámara de Senadores e da Cámara de Representantes, esta última presidida polo lema "a miña autoridade emana de vós e ela cesa pola vosa presenza soberana", pronunciada por José Gervasio Artigas en 1813, líder uruguaio na independencia de España. O Palacio Lexislativo conta cunha importante biblioteca, así como o despacho oficial da Vicepresidencia da República Oriental do Uruguai. Ademais, no salón dos pasos perdidos custodiánse os dous documentos fundacionais do Estado oriental: a Declaratoria de Independencia de 1825 e a Constitución de 1830. Este espazo tamén acolle actos culturais e os velorios de uruguaios senlleiros como o de Mario Benedetti, Eduardo Galeano ou Jorge Batlle, por citar algúns exemplos.[2][3][4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Constitución da República Oriental do Uruguai (1967)". IMPO. Consultado o 3-2-2021.
- ↑ "Adiós a Benedetti: hombre bueno, escritor continental, mito discreto". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2021-02-03.
- ↑ "Uruguay velará mañana el cuerpo de Eduardo Galeano en el Parlamento". La Vanguardia (en castelán). 2015-04-13. Consultado o 2021-02-03.
- ↑ marbelo (2016-10-25). "VÁZQUEZ: "SE FUE UN POLÍTICO DE ELITE"". Parlamento del Uruguay (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-02-03.